Saturday 04 de May de 2024

A Ría de Muros Noia presume en Turexpo Galicia da calidade humana da a como valor engadido ao xeodestino


Está presente con dous stands en Silleda nos que promove a beleza da Ría de Muros Noia e as Carrilanas de Esteiro

A Ría de Muros Noia está presente estes días en Turexpo Galicia, o salón turístico da comunidade que se desenvolve no marco da Feira Semana Verde de Galicia. Ata o vindeiro domingo 11 de xuño, os dous stands instalados pola Ría de Muros Noia estarán a disposición dos preto de 100.000 persoas visitarán os distintos certames da feira silledense, entre os que se atopan milleiros de profesionais do sector turístico: touroperadores nacionais e internacionais, axencias de viaxes, empresas de servizos turísticos, medios especializados…

A Ría de Muros Noia está representada en Turexpo Galicia con dous stands: un primeiro no que se recolle a beleza da ría a través dunha campaña fotográfica que pon o foco nas persoas e un segundo dedicado a poñer en valor as Carrilanas de Esteiro (Muros), declarada Festa de Interese Turístico Nacional (sendo o única festexo da Ría de Muros Noia con esta declaración a nivel nacional). Dous postos que foron visitados onte polo vicepresidente da Xunta, Diego Calvo; a conselleira do Mar, Rosa Quintana; o xerente da Fundación Semana Verde, Ricardo Durán, e a vicepresidenta da ARD Ría de Muros Noia e alcaldesa en funcións de Muros, Inés Monteagudo.

Baixo o título “A paisaxe humana máis fermosa”, a Ría de Muros Noia amosa unha fermosa recompilación de fotografías que poñen o foco nas persoas e que busca recoller o carácter especial da xente que vive nunha comarca que conta con lugares tan fermosos e cheos de historias e lendas como o Castro de Baroña ou o Monte Louro. En palabras de Inés Monteagudo: “é importante destacar a calidade humana da xente da nosa ría, que é un dos nosos valores ademais dos paisaxísticos. O calor humano é un factor importante á hora de escoller un destino e niso podemos destacar os nosos valores gastronómicos, patrimoniais, culturais e relixiosos”.

O segundo stand está dedicado a promover as Carrilanas de Esteiro, festa de interese turístico nacional que terá lugar os vindeiro s 14, 15 e 16 de xullo en Muros. Un evento que este ano celebrará a edición número 35 do gran premio de carrilanas, onde estes bólidos artesanais baixan a gran velocidade pola costa de O Maio cubrindo un circuíto duns 2 quilómetros de lonxitude. Unha carreira complementada por un festival musical de entrada gratuíta, que este ano presenta un cartel con grupos como Tanxugueiras, Baiuca, Grande Amore, Fillas de Cassandra, Boyanka Kostova, Monoulious DOP, Familia Caamagno, Cool Nenas, Las Montagne & Picoamperio, La Quinkillada e Pablo Balseiro.